• Espacio Atlántico (Programa Transnacional)
  • Fondo Europeo de Desarrollo Regional

Noticias

PortadaActualidadeNoticias
atrás

3.0/5 [7333 Voto/s]

25.05.2011

Día Marítimo Europeo en Galicia: Un mar de cousas

O Museo Massó de Bueu converteuse no centro da celebración rexional

Tres proxectos nos que participan socios galegos, DORNA, NEA2 e Fishernet, e tres museos, Museo Massó, Museo do Mar de Galicia e Museo do Pobo Galego, ademais da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, quixeron aproveitar a celebración do Día Marítimo Europeo para organizar o evento local Un mar de cousas, no que reivindicar a importancia do mar na rexión e o seu papel como elemento de valor económico, social, cultural e etnográfico. As xornadas serviron ademais para lembrar o vixésimo aniversario da aparición nunha praia de Caldebarcos (Carnota) da lancha xeiteira Marina, a única embarcación dese tipo que se conserva e que se cría desaparecida, e un dos fitos na recuperación do patrimonio marítimo galego.

Unhas 70 persoas asistiron ás diferentes conferencias e actividades previstas. Entre os participantes atopábase o arquitecto Óscar Fuertes que presentou o traballo realizado dentro do proxecto DORNA para o inventario e a catalogación do patrimonio marítimo da costa atlántica. Óscar resaltou ademais a importancia da carpintería de ribeira e os espazos nos que esta se desenvolve, explicando o caso específico de O Charango (Muros), estaleiro sobre o que DORNA elaborou un estudo de usos-plan de mellora.

Ademais do traballo de DORNA, Un mar de cousas serviu para coñecer proxectos de moi diversa natureza como o arquivo histórico da confraría de Burela, a escola de vela tradicional da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, a experiencia da Central Folque na música tradicional relacionada co mar ou as iniciativas de integración social do Náutico da Coruña a través da navegación deportiva para persoas con discapacidade. O Museo do Pobo Galego tamén deu a coñecer os fondos dos que dispón de La Artística, a que foi a principal empresa galega na elaboración de latas para a industria conserveira, que inclúen 700 pezas litografiadas. Visitas ao estaleiro de O Purro e á colección permanente do Museo Massó puxeron fin á xornada.

 Twitter  Facebook  Technorati  Del.icio.us

© 2010 Proyecto DORNA - Deputación da Coruña | aviso legal
   Servizo de Planificación, Desenvolvemento Territorial e UE | Avda. Alférez Provisional, nº2, 15006 (A Coruña)
   Tlf.: 981 080 331 - Fax: 981 080 354 | dorna@dicoruna.es - www.proyectodorna.eu