08.10.2010
III Xornadas de construción naval en madeira o sábado 9 de outubro na Illa de Arousa
A terceira edición das xornadas de construción naval organizada por Agalcari celébrase o sábado, 9 de outubro, no salón de plenos do Concello de Illa de Arousa e será conducida polo Director do Museo do Mar de Galicia, Pablo Carrera.
As xornadas centraranse en aspectos relacionados puramente coa construción en madeira e outros que a poñen en relación co patrimonio e a cultura marítima. Neste último grupo enmárcase a conferencia "Revitalización do patrimonio marítimo: retos, oportunidades, dificultades”, no que participará a coordinadora do proxecto DORNA, María Luisa Lista Ameneiro e a encargada de xestión de proxectos da asociación Albaola, Erme Pedroso Ferreira. Tamén estará presente Óscar Fuertes Dopico, arquitecto do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e membro do grupo de expertos de DORNA, que impartirá a conferencia "Arquitectura de ribeira”. Este bloque de conferencias completarase coa intervención de Lino Lema Bouzas por parte de Consellaría do Mar, co relatorio "Carpintaría de ribeira e cultura marítima” e unha mesa de conclusións a cargo de Gerardo Triñanes Fernández, Presidente da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira (AGALCARI).
Ao final da xornada entregarase o I Premio Fasquía que pretende recoñecer o traballo dos mestres carpinteiros de ribeira en Galicia.
Para consultar o programa completo da xornada pulse aquí ou visite a páxina web de AGALCARI (http://www.agalcari.es/)
© 2010 Proyecto DORNA - Deputación da Coruña | aviso legal
Servizo de Planificación, Desenvolvemento Territorial e UE | Avda. Alférez Provisional, nº2, 15006 (A Coruña)
Tlf.: 981 080 331 - Fax: 981 080 354 | dorna@dicoruna.es - www.proyectodorna.eu